Selección de actividades

Actividade 1
Levantamento e comentario do léxico dun texto literario insistindo na identificación entre palabras lexicais e palabras gramaticais. Formas como coa, dun, neste etc. serán identificados como compostos gramaticais, do mesmo xeito que elementos como branquiazul, grandilocuente, rañaceos, tirarrollas etc. corresponden a compostos lexicais.

Actividade 2
Levantamento e comentario do léxico de autores con singulares vontades de estilo, cuxos textos serán escollidos pola persoa encarregada da docencia. Propóñense escritores e escritoras como Eduardo Pondal, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Eduardo Blanco-Amor, Manuel Rivas, Suso de Toro, Xosé Carlos Caneiro, Manuel María, María Reimóndez, Teresa Moure ou Xurxo Souto. A actividade consistirá no seguinte:

(a) Procura do significado do léxico que máis chamar a atención e comprobación de se figura nos dicionarios de referencia.
(b) Tipo de rexistro en que se emprega ese léxico
(c) Características da esfera semántica de cada unidade vocabular (grande ou pequena).

Actividade 3
Procura dun mínimo de 15 palabras e as súas correspondentes atestacións en diferentes dicionarios. Estes deberán ser polo menos, dos seguintes tipos: da lingua (mínimo 2), de sinónimos e plurilingües. Con eses materiais, os alumnos e as alumnas farán unha posta en común en que se dará conta:

(a) De acepcións non totalmente coincidentes entre os dous dicionarios da lingua.
(b) Das diferentes finalidades perseguidas por cada un dos dicionarios manexados.
(c) Da distinta maneira de presentar a información lexicográfica (con exemplos, sen eles, con variantes lingüísticas etc.).

Actividade 5
Compilación de exemplos de utilizacións do verbo aquelar ou de verbos morfolóxica e semanticamente afíns (aqueliñar, aqueloutrar) e indicar os seus significados. Tamén se deberán sinalar alternativas de emprego doutros verbos.

Actividade 11
Posta en común de todo o léxico compilado, para o cal deberá ser organizado en relacións semánticas de sinonimia e de hiperonimia-hiponimia, de ser o caso. Cos sinónimos, verificarase se son parciais ou totais.



Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Sen clasificar | Leave a comment