A lingua e a gramática

Aínda que a día de hoxe existen diversas definicións do concepto de ‘lingua’, as máis delas poden ser agrupábeis en dúas grandes correntes: as dos marcos teóricos formais e as dos modelos funcionais. Para aqueles, unha lingua costuma definirse como un conxunto de cláusulas ben formadas que serve para a expresión de ideas ou de pensamentos. Para os segundos, contrastivamente, e mesmo non se negando a importancia da reciprocidade na transmisión de ideas, unha lingua é fundamentalmente un mecanismo para a interacción humana que ten como función primordial a comunicación. Resulta obvio que cada cal poderá escoller a orientación que máis se adecuar á súa concepción do fenómeno lingüístico e, na verdade, non é tarefa doada decantarse exclusivamente por unha delas. Certamente, estamos perante a lonxincua discusión entre o innatismo e o empirismo da linguaxe partindo basicamente da definición do concepto de ‘lingua’.

De calquera xeito, a descrición dunha lingua corresponde á gramática, que, a pesar de tamén posuír na actualidade varias definicións1, podemos entendela como a descrición científica da lingua e do seu sistema de funcionamento nun momento determinado. De aquí infírese doadamente que non é o mesmo ensinar lingua que ensinar gramática, pois o primeiro tipo de aprendizado asenta fundamentalmente no uso, ao paso que o segundo tipo pretende máis ben dar conta do seu funcionamento interno. Canto ás disciplinas que enforman o estudo da gramática, costuma falarse da fonética, a fonoloxía, a morfoloxía, a sintaxe, o léxico, a semántica e, máis recentemente, a pragmática. Con todo, até hai ben pouco tempo o eixo nuclear da gramática foi o constituído pola morfosintaxe (ou pola morfoloxía e pola sintaxe, de acordo con algunha correntes), de forma que ramos como a semántica ou a fonética, por exemplo, ficaron tradicionalmente á marxe da descrición gramatical.

Na realidade, é de interese pormos en relevo que a gramática non é constituída por compartimentos disciplinares inconexos: certamente, algúns gardan evidentes e importantes esferas en común, até o punto de que se ten falado de disciplinas enformadas por dúas hipóteses de estudo (como a morfofonoloxía ou a morfosintaxe). Sen ánimo de exhaustividade, as seguintes epígrafes ilustran puntos de intersección entre diversas disciplinas gramaticais:

1. Fonética e fonoloxía / morfoloxía. Non resulta en ocasións doado diferenciarmos entre certos fenómenos morfolóxicos e outros do ámbito fónico, pois hainos intrinsecamente fonéticos e fonolóxicos que teñen repercusións morfolóxicas. Lyons afirmaba sobre este particular que son evidentes as relacións entre morfoloxía e fonoloxía2, como acontece coa metafonía, en pares como novo [‘noβo] ~ nova [’nɔβa] ou sogro [‘ʂoɰɾo] ~ sogra [’ʂoɰɾa], que é en tales casos un trazo redundante da flexión xenérica, xa explicitada a través dos morfemas -o / -a.

2. Morfoloxía / sintaxe. Os vínculos entre ambas as disciplinas levaron a consideralas como unha única materia, aínda que hai correntes que non partillan este postulado3. Nas escolas estruturalistas europeas sempre se avogou pola unidade elementar entre ambas, de forma que sería unha disciplina que se ocuparía dos estudo das formas e das súas funcións. Un exemplo das ligazóns existentes vén dado a través dos trazos flexivos, pois están intimamente relacionados con diversas propiedades e funcións sintácticas: por un lado, hai fenómenos tipicamente sintácticos que teñen repercusións morfolóxicas entre as unidades da morfoloxía (morfemas e palabras) e as sintácticas (frase e cláusula), como os mecanismos da concordancia entre varios elementos, en cuxo caso se fala das propiedades de concordancia (cfr.: As casas brancas ~ *As casa branca ~ *As casas branca ~ *As casa branco etc.). En segundo lugar, convén falarmos das propiedades configuracionais: nunha lingua dotada de caso morfolóxico, como o latín, un nome substantivo poderá recibir a marca do caso nominativo se for suxeito dunha cláusula, ou sexa, a marca flexiva de caso depende tamén da función sintáctica (cfr.: Homo canes videbat ~ *Hominem canes videbat ~ *Hominis canes videbat ‘O home vía os cans’; etc.). E en terceiro lugar, a composición, que se define como o mecanismo morfolóxico para crear palabras novas combinando dúas bases previas, ten unha moi produtiva estrutura na secuencia V + CD; nótese que o CD é unha función sintáctica, mais o resultado é, con todo, unha palabra: ferrapulgas, limpabotas, quitamedos, tornarratos, tornavoda etc.

3. Semántica / Morfoloxía / lexicoloxía. Entendida a semántica como a disciplina que se ocupa do significado das palabras, a semántica lexical ou lexicoloxía vai ocuparse de estudar o significado dos lexemas. Por outra parte, é evidente que a formación de palabras mediante os mecanismos de derivación, composición etc. ten un fundamento nitidamente morfolóxico ao entraren en xogo diferentes morfemas (derivativos e flexivos). Mais resulta tamén obvio o ámbito lexicolóxico con que se vincula, pois o resultado son novas unidades lexicais que pasan a facer parte do fondo lexical da lingua4: branco → branquear, branquexar, abrancazar; grande → agrandar, engrandecer; estreito → estreitar, estreitecer; etc. É o que vén chamándose semántica gramatical, en contraposición á semántica lexical ou lexicoloxía.

4. Sintaxe / semántica. Mais non unicamente a morfoloxía resulta favorecida nas súas relacións con outras disciplinas lingüísticas, xa que a sintaxe posúe igualmente vínculos con outros ámbitos disciplinares, como é a semántica. Desde o desenvolvemento da gramática de valencias na segunda metade do século XX e a súa influencia en escolas posteriores tamén se pon de manifesto a íntima relación existente entre a descrición sintáctica e a semántica, de tal modo que a valencia verbal, que podemos definir como o número de lugares baleiros que un verbo precisa de preencher para ter significación plena, pondera a interconexión entre ambas as disciplinas. En condicións normais, o verbo construír rexe un suxeito ou primeiro actante co trazo [+humano] e un CD ou segundo actante co trazo [-animado]: Os albaneis construíron un muro; alterando a caracterización semántica dos dous elementos, podemos obter resultados como os seguintes: *Os pasteis construíron un muro (pasteis [-humano], muro [-humano]), *As veciñas construíron un avó (veciñas [+humano], avó [+humano]) etc. Deste xeito, verifícase que os trazos semánticos dos actantes desempeñan un papel elementar na asignación de funcións semánticas e sintácticas.

Fica claro, por tanto, que a reflexión gramatical pode levarse a cabo partindo de diversas disciplinas que presentan unhas importantes ligazóns entre si. Por motivos pedagóxicos ou didácticos herdados da tradición clásica, algunhas costuman estudarse por separado, aínda que o certo é que en ocasións resulta conflituoso discernirmos onde acaba un ámbito gramatical e onde comeza outro.

Notas: 1) Véxase Lewandowski (1992, s.v. gramática), por exemplo, que proporciona as seguintes: (i) manual ou libro de regras que describe a construción dunha lingua ou estabelece normativamente como válidas certas regras de uso; (ii) campo dentro da lingüística que investiga a constitución e variación das palabras, grupos de palabras, frases, mais que non toma en consideración a fonética e a fonoloxía, como tampouco a semántica e a formación de palabras; (iii) construción lingüística, estrutura inmanente da linguaxe, o sistema de regras en funcionamento que subxace á linguaxe; e (iv) conxunto de regras, das posibilidades dunha lingua, representadas nunha teoría da gramática como modelo e teoría parcial dunha teoría da linguaxe, ou como teoría lingüística universal. 2) As relacións entre morfoloxía e fonoloxía levaron un autor como Troubetzkoy a utilizar un termo como morfofonoloxía ou morfonoloxía para designar un termo intermediario entre a morfoloxía e a fonoloxía, o que sería seguido por autores como Harris ou Hockett, que secundaron a proposta de Troubetzkoy. A disciplina ponte tería como finalidades (i) estudar a estrutura fónica dos morfemas, (ii) estudar as estruturas fónicas das modificacións que se presentan cando un morfema se combina con outros e (iii) estudar as mudanzas fónicas que teñen consecuencias na morfoloxía. A unidade de análise desa disciplina asenta no morfofonema. 3) Con todo, para uns débese separar a morfoloxía (o estudo das formas) da sintaxe (o estudo das relacións que estas formas estabelecen entre si para posibilitaren as unidades como a frase, a cláusula etc.). É unha a proposta que ten, sobre todo en Norteamérica, unha maior subscrición e implantación, ao paso que no veciño Portugal predominan con moito as correntes que potencian a división entre a morfoloxía, a sintaxe, a fonoloxía e a semántica. Desde este punto de vista a morfoloxía debe cinxirse á forma interna das palabras, de tal modo que a unidade máxima de análise é a palabra. 4) Por súa vez, en Faria & Pedro & Duarte & Gouveia (1996: 14) insístese na consideración da lexicoloxía e da semántica dentro da análise gramatical, a faceren fincapé na existencia na gramática dunha “componente lexical, responsável pela caracterização dos itens lexicais da língua em questão e pelos processos produtivos de formação de palavras dessa língua”. Os mecanismos de creación de palabras ficarían, por tanto, agrupados nesta compoñente lexical.